Novo roteiro cultural e deportivo, para facer en bicicleta, dende Agolada e polas terras do Concello de Agolada de uns 25 quilómetros e dificultade baixa. Tomamos a estrada da Nacional en dirección a Melide, saín do dende Agolada, para inmediatamente despois de atravesar o polígono industrial da vila, coller pola vella estrada agora pista que nos vale como camiño para camiñantes e andainas de bicicleta a salvo dos coches e vehículos da estrada. A primeira parada a imos facer na pequena aldea de Reboredo, unha das mais antigas do Concello, onde había unha Cruz, que servía para marcar a corredoira que levaba dende Agolada ao antigo Concello do pobo, en Borraxeiros.
Desafortunadamente hai un par de anos que esta fermosa cruz desaparecera aínda que temos constancia que nas oficinas do noso concello coñecen o seu paradoiro e onde se atopa. Agardamos que un futuro próximo sexa recolocada no seu orixinal emprazamento. Volvemos a pista e continuamos o noso recorrido buscando a Guillerma, (Borraxeiros), pero antes imos ter que facer unha nova parada diante do fermoso Cruceiro de Cristin. Cristin.- No camiño a Guillerma de Borraxeiros. Cruceiro de Crucifixo. Coordenadas (WGS84): 42°47'39.9"N 8°01'15.7"O (42.7944097,-8.0210198). Na base podemos ler a lenda: RECUERDO D ESTEBAN MENDEZ GUERRA POR SUS OBLIGACIONES Y POR LAS ÁNIMAS 1908.
Cruceiro incluído en la obra "Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra", de Manuel Reimondez Portela, Deputación Provincial de Pontevedra, 1985. Cruceiro de Pedestal cúbico e Varal octogonal, con capitel cuadrangular con volutas e follas e unha rosa esculpida en cada cara. Crucifixo cilíndrico, liso, no que no anverso atopamos a Cristo crucificado coas mans abertas e cabeza inclinada a dereita, con INRI sobre a cruz, e tres cravos e coroa de espiñas perfectamente marcadas. No reverso a virxe María, con manto que aínda conserva arte da orixinal policromía aínda que moi deteriorada. O Cruceiro en total alcanza uns catro metros de altura e sufriu diversos avatares nos últimos tempos, dos que dimos conta na publicación dun artigo no Faro de Vigo, no mes de Agosto do 2019 con posterioridade finalmente foi reposto no mes de Marzo do 2021.
Seguidamente reproducimos integramente o Artigo ao que nos estamos a referir, do Faro de Vigo. Cristin é un pequeno lugar da parroquia de Borraxeiros, onde hai anos se alzaba o Concello de Agolada e acollía a casa cuartel da Garda Civil, no lugar coñecido como a Guillerma, onde aínda hoxe podemos visitar e admirar o que en tempos foi unha típica taberna daquelas onde atopabas de todo, dende o mais pequeno e insignificante botón, ata a mellor compaña coa que matar a soidade, botando unha partida de cartas e escoitando a radio. Do cuartel da garda civil, non hai restos, non si da que fora sede da Alcaldía, edificación nobre en pedra, reconvertida en sede de asociacións culturais e local para a celebración de actos públicos, na que aínda hoxe podemos contemplar no seu lintel, unha placa homenaxe o que foi o mais famoso médico de Agolada, o Sr.Victor Loureiro.Médico Pontevedrés e Republicano por mais siñas tan ben querido polos seus veciños, que a súa suspensión no ano 1929, impulsora unha mobilización da veciñanza exixindo a súa reposición inmediata no posto de médico da Vila. Nesta placa de mármore branco, custeada por subscrición popular e instalada no ano 1934, aínda podemos ler xunto a fotografía do prestixioso médico; "Al ilustre médico pontevedrés D. Víctor Loureiro Crespo, inspector municipal de sanidade del Ayuntamiento de Golada. 1888 -1933. Sus amigos en testimonio de admiración". Tal e como nos conta Luz Méndez no seu libro sobre a toponimia de Agolada, a orixe do topónimo Cristina, a atopamos no nome persoal latino "Cristinus" derivado de Xesús Cristo, e por conseguinte introducido pola Igrexa e a relixión Cristiá. Non temos atopado topónimos similares durante o Medievo, polo que resulta, como moitos outros topónimos de Agolada, case que exclusivo da zona, e tan so existe outro lugar do mesmo nome en toda Galicia, precisamente en Oza dos Ríos.
Polo que respecta ao apelido ou nome Cristin, apenas quedan unhas vinte persoas e seguramente todas elas descendentes e con orixe nesta lugar de Borraxeiros, o que chegabas atravesando a espesura da vella e húmida congostra, case desaparecida de Reboredo, na que se te fixas ben, aínda podes descubrir entre a ramallada, as silvas, e as xestas, unha das moitas cruces posiblemente Carlistas, que aínda quedan no noso Concello, como testemuñas de mortes violentas, fusilados ou asasinados durante as fratricidas loitas sen cuartel, entre Isabelinos e Carlistas, alá polos anos trinta do século deza nove, dos que da conta o escritor Francisco Vilariño, no seu libro "Reseña Histórica del Condado de Deza. Xustamente a saída desta corredoira, a beira do regato do Buxel, antes de cruzar a ponte cara os muíños de Cabanelas, cuxas moas moían o trigo e o centeo cas augas do rego que ven baixando dende Couso, deixando muíños e regando prados, antes de coller forza pola pendente que o vai ver morrer nas augas do Ulla, alá polo Sexo, despois de adoptar nomes tales como o regato do Buxel, ou da Baiña, ou Lentisco, nun cruzamento de camiños dos de antes de facer a pista de asfalto que cambiou a fisionomía da paisaxe do lugar, atopamos, mais ben atopabámonos co Cruceiro de Cristin, orixe deste artigo. Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado ,e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou, e polo gran sentimento de quen o fixo. (Alfonso R.Castelao)
Posiblemente este noso de Cristín foi levantado neste mesmo lugar como o típico cruceiro encargado para a salvación da alma, ou penitencia por algunha mala acción, ou pecado, manifestación da relixiosidade dos pobos e as súas xentes. Os Cruceiros sonche un dos símbolos mais característicos do Pais, no que podemos atopar arredor de dez mil, que están catalogados e coñecidos, tal e como nos indican espertos como a Asociación amigos dos Cruceiros de Galicia, entre outras similares. Fai case que sete séculos que empezara esta practica de sacralizar lugares considerados de culto pagan, ou cheos de misterio, así como de santificar cruzamentos, paraxes afastados, etc. A Virxe das Angustias, enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedade dos escultores, é a Piedade creada polos canteiros. Os nosos canteiros deixándose levar polo sentimento, non podían imaxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros, Xesucristo é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e sos fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais. Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros...... Os cruceiros por se mesmos falan da relixiosidade, a fe, o amor, e o temor, ou en acción de grazas ante un milagre, unha curación ou unha promesa, noutras ocasións, para recordar un feito lutuoso, unha morte, un asasinato, ou mesmo a aparición da famosa Santa Compaña, ao mesmo tempo que a profesionalidade dos mestres canteiros e artistas que plasmaron e nos deixaron o mellor deles nestas obras, e como sagrados que eran, convertían o lugar do seu emprazamento igualmente en algo sagrado e seguro, ante demos, meigas e santas compañas que recorrían as congostras e carballeiras do Pais. Pero tampouco podemos esquecer que as veces servían para marcar ou delimitar territorio e propiedade, e mesmo indicar direccións en camiños e sendeiros polos que ir os paisanos e labregos, de feira en feira, ou de aquí para alá, polo que o seu valor xurisdicional e utilidade civil, tamén resulta incuestionable. Neste Cruceiro de Cristin, do que estamos a ocuparnos; a talla da Virxe e o Cristo, o fuste, e a base, esculpida en granito, foi realizada polo canteiro da zona, D.Jose Coego Vilariño, de Elidían (Agolada), por encargo do coñecido como o mestre Estevo que o pagou, segundo algunhas informacións dos veciños, colaborou na súa colocación aínda que non puidemos averiguar os motivos que moveron a súa fábrica, quizais esta entronque ou teña que ver cos traballos desenvolvidos por aquel, que entre outras ocupacións, facía de mediador, cambista e depositario entre os veciños, amigos e coñecidos emigrados en Cuba, e outros lugares de América onde emigraban en busca de mellor fortuna, e os seus familiares na zona, ante os que facía de representante, collendo e entregando cartos por encargo daqueles, algo similar os banqueiros e cambistas de antes. Este artista, construtor e canteiro entre outras profesións, tiña como afeccións o debuxo, e usualmente copiaba imaxes, e obras do románico, que atopaba en libros e revistas, de aí que a imaxe do Cruceiro garde características propias daquela arte dos séculos pasados e recorde tallas daquela afastada época. Das tallas e construcións realizadas o longo do tempo, sobre todo despois do seu regreso de Cuba, onde foi buscando mellor sorte e viviu durante varios anos, quedan o edificio de Agolada, da Avenida do Concello, coñecido como O de Fausto, así como no lugar de Couso de Abaixo, un fermoso hórreo, esculpido que se levanta no curro da súa casa familiar. Tal e como se recolle na paxina de Patrimonio Galego.net e na paxina de patrimonio catalogado pola Xunta de Galicia; . O cruceiro de propiedade pública, érguese sobre unha plataforma cadrada de pedra. A base ten forma de tronco de pirámide coas arestas superiores rebaixadas. O fuste arranca de sección cadrada e logo desenvólvese en hexagonal ata o capitel. Este vai adornado con volutas e follas de acanto en todas as caras. A cruz de sección cilíndrica e con cartela amosa un Cristo de talla sinxela e pouco proporcionado anatomicamente, no reverso unha Virxe cun manto que aínda conserva restos de policromía. Na base, gravado na pedra pódese ler con moita dificultade, parte da lenda....."Recuerdo de Esteban Alende Guerra, por Devoción...o resto desgraciadamente resulta ilexible, borrado polo paso do tempo. Dende o pasado mes de Xuño do pasado 2018, o Cruceiro de Cristin, permanece tal e como puidemos comprobar, no almacén que o noso Concello ten no polígono industrial, logo de que posiblemente un camión, da Deputación, en labores de desbroce e mantemento das pistas, golpeara a talla, partindo o soporte de pedra co mantiña sobre o seu fuste. Despois da denuncia trala súa desaparición, tanto Patrimonio a través da súa delegación Xeral de Pontevedra, como a Policía Autonómica mostraron o seu interese polo tema, levantando atestado e recollendo información, tanto dos veciños, como das autoridades do noso Concello. A realidade, nembargante, é que transcorrido mais dun ano dende aquela, o cruceiro permanece esquecido e afastado nun recuncho dunha nave industrial, non foron aínda encargados os estudios e traballos de recuperación da súa policromía, e moito nos tememos que o tema vai para largo, lamentablemente. Posiblemente aínda teña que pasar un tempo para uns curto e para outros desesperante ata ver reposto como Deus manda, o Cruceiro, e a talla, de momento temos novas de que por parte do Concello xa se iniciaron os trámites para que Patrimonio realice os traballos necesarios de recuperación da policromía e a súa reposición, así que agardaremos cos traballos que se teñan que realizar, sexan sinxelos e rematen pronto. Con posterioridade á publicación deste artigo, puidemos realizar unha serie de fotografías por Alex Negreira mediante un programa tridimensional, de forma que puidemos descifrar a advocación do cruceiro gravada na súa base, e que din deste xeito; Pd.- Recuerdo de Esteban Mendez Guerra, por sus obligaciones y por las ánimas, 1908. Dende a Guillerma collemos mais menos un quilometro pola estrada nacional ata a parrqouia de Artoño, onde nos desviamos pola pista interior do lugar buscando o campo da festa e a pequena capela de San Ramón, onde imos atopar o seguinte dos nosos Cruceiros.
ARTOÑO.- Cruceiro de Crucifixo. Dúas veces cambiado de lugar e tres veces substituído e outras tantas derrubado do seu pedestal logo dun accidente de trafico. Por suposto o que podemos contemplar hoxe xa non ten nada que ver co orixinal desaparecido ala polos anos oitenta do pasado século. O atopamos preto da pequena Capela de San Ramón; Coordenadas (WGS84): 42°48'59.2"N 8°01'55.7"O (42.816439, -8.032136). Se trata de un Cruceiro con plataforma seme enterrada e pedestal cúbico no que se pode apreciar a duras penas inscrición ilexible, seguramente de devoción e datos de quen o mandou facer; Devoción de.....?¿ Manuel.....?¿ Ano 1921¿?..... O varal é octogonal empezando en cadrado, recorda ao de Cristin en Borraxeiros, polo que seguramente ambos os dous teñen o mesmo autor, ou ben un inspirouse no outro, xa que o capital tamén e moi similar e aquí se repiten as volutas e follas que o adornan, así como unha rosa en cada cara do mesmo. O Crucifixo presenta cruz cadrada lisa. No anverso, Cristo crucificado coa coroa de espiñas, e cabeza lixeiramente inclinada a dereita, tres cravos e INRI, sobre o remate na cabeceira da cruz. No anverso, se nos presenta a Virxe María, de corpo enteiro de pé, con longa túnica, sen moitos detalles. A altura total é duns cinco metros.
A destacar que a talla inicial, o cristo difire fundamentalmente do que agora se contempla. Dende Artoño continuamos cara abaixo para cruzar a estrada que une Berredo con Brantega, buscando o lugar de A Baiña, porta de entrada ao encoro de Porto de mouros, e o río Ulla. En Baiña, imos achegarnos primeiro ata a Casa Grande. Esvelto e sólida mostra dunha casa pacega das de época, coa súa formidable horrea e patio con galería de acceso interior á vivenda. En Baiña, no interior do campo santo da súa igrexa parroquial nos atopamos un novo cruceiro. BAIÑA.-Cruceiro de Crucifixo. A Baíña. Coordenadas (WGS84): 42°49'01.9"N 8°03'12.4"O (42.8171846,-8.0534361). Un dos poucos cruceiros nos que se presenta mesa e pedra para a celebración da eucaristía.
Unicamente ten talla por un dos lados da cruz, precisamente un cristo. Varal biselado é octogonal e apoiado sobre un tronco de pirámide que lle serve de baseamento. Cruceiro incluído en la obra "Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra", de Manuel Reimondez Portela, Deputación Provincial de Pontevedra, 1985. Pax 204. O Cruceiro se atopa no cemiterio parroquial. Carece de plataforma e o seu pedestal é cúbico, biselado, no que se presume un fochamento para a auga bendita, que foi tapado de cemento hai anos. O Varal é octogonal empezando e rematando en forma cuadrangular. O capitel tamén cuadrangular que vaise estreitando. Ten crucifixo octogonal, liso no anverso con imaxe de Cristo crucificado, coas mans pechadas, cabeza mirando de fronte, INRI arriba dela e os tres cravos típicos así como a coroa de espiñas. Curiosamente no reverso carece de imaxe, presentando a cruz lisa.
Mide preto de tres metros de altura. E de propiedade pública e presenta un aceptable estado de conservación. Tomamos dende a igrexa camiño pola pista que nos vai levar ata a estrada recentemente asfaltada que une Berredo con Brantega, xusto antes de cruzar as augas do regato que toma aquí o nome de Lentisco o regato da Baiña, o mesmo río Buxel en Cristin, que ven movendo os rodicios de varios muíños dende o seu nacemento. Unha nova parada nos vai levar ata as portas do antigo cenobio de monxas Bieitas, de Orrea, no que as características da fabrica románica do templo, aínda son mais que visibles nos arcos do pórtico de acceso á nave principal, como nos canzorros e a ábsida con fermosos axadrezados. En Orrea temos que facer unha paradiña para achegarnos en primeiro lugar a visitar a Cruz de monte en granito con pedestal de pedra que marca dirección a igrexa, e que localizamos tomando polo medio da aldea en dirección ao campo da festa.
Regresamos de volta e tomamos a esquerda por un vello camiño de terra, que nos vai presentar unha fermosa vista do templo, en tanto que atopamos un dos cruceiros mais agochados do noso Concello, o Cruceiro de Talladente. Parroquia: Órrea (Santo André).Cruceiro de Talladente .
Cruceiro de Cruz. Situado nun vello camiño, case desaparecido que levaba dende a aldea de Vilariño a igrexa románica e mosteiro de monxas Bieitas de Orrea. Coordenadas (WGS84): Coordenadas de Google maps son 42,8010210 -8,0644840. Destaca o pequeno tamaño da cruz, en relación co tamaño do varal, o seu fuste. Baseamento de pedra un grao cuadrangular e pedestal cúbico con moito bisel. Cruceiro incluído en la obra "Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra", de Manuel Reimondez Portela, Deputación Provincial de Pontevedra, 1985. Pag 207. Con varal octogonal, liso que empeza e remata en cadrado.
A cruz perigosamente inclinada pode caer en calquera momento, o mesmo que o Cruceiro todo, xa que está nunha precaria situación moi inestable no medio do monte, rodeado de piñeiros e eucaliptos. Capitel en tronco de pirámide cuadrangular á inversa, de uns catro metros de altura en total. Dende Orrea, regresamos á estrada principal onde tiñamos esquecido comentar a curiosa cruz de “Santa Mision”, que se atopa ao borde do camiño, case que a carón do indicador da parroquia. Toca agora pedalear regresando a Agolada, pola estrada comentada en dirección a Brantega, un par que quilómetros, ata atopar o lugar de Sisto, onde imos desviarnos a esquerda subindo por unha pronunciada pendente que nos vai levar a estrada Agolada/Vila de cruces, preto do lugar de Santan. Dende aquí volvemos a desviarnos cara a dereita por unha pista que indica dirección Santa Comba, buscando a súa igrexa parroquial e un dos Cruceiros emblemáticos do noso Concello.
Parroquia: Santa Comba (San Xoán).No Adro de la Igrexa de Santa Comba. Coordenadas (WGS84): 42°46'32.3"N 8°03'45.7"O (42.7756551,-8.0625764). Precisamente cando se fala do Cruceiro de Santa Comba, (Agolada) resulta imprescindible para a súa comprensión botar man do libro deste mestre; Cruces e Cruceiros xubilares de Galicia, de Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez. Este, érguese sobre dous chanzos cadrados na que foi colocada unha base cúbica na que se representa esculpida unha serpe enrolada a modo de representación do pecado orixinal, serpe en clara alusión ao pecado e o demo, enroscada sobre si mesma. O fuste é de forma octogonal, iniciándose sobre un soporte rectangular, en tanto que na metade aproximada da mesma atopamos un escudo labrado en pedra, pegado sobre o mesmo no que se pode ler a lenda anteriormente comentada. O cruceiro de uns cinco metros de altura susténtase coma todos os que estamos a ver, sobre unha bóla ou esfera estriada sobre o que se levanta a cruz de sección rectangular cun cristo por diante co seu característico INRI, que chama a atención polo seu aspecto bruto, pouco labrado polo mestre canteiro e nada ben feito, coa cabeza inclinada sobre o seu lado dereito, as mans abertas e un pé, o dereito, enriba do outro e cravado na cruz, pouco proporcionado o corpo respecto o resto dos membros, pernas e brazos.
Case que a mesma posición que observamos no anteriormente comentado cruceiro de Frádegas. No outro lado destaca unha virxe Dolorosa tocada cun manto coas mans cruzadas sobre o peito e o corazón típico das dolorosas cruzado por sete espadas do mesmo xeito co Cristo, esculpida dunha forma moi sinxela, máis ben basta ou primitiva. Anteriormente este cruceiro atopábase nunha leira de propiedade da reitoral e no ano 1985 foi trasladado ao seu emprazamento actual no cemiterio e adro da igrexa parroquial de Santa Comba, tal e como recolleu Manuel Reimóndez nas súas publicacións e traballos que cita no seu libro, Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez, polo tanto podemos afirmar que se trata dun cruceiro, como o de Frádegas, de Encrucillada que marcaba ou sinalizaba.
Para o investigador Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez, estamos diante dun cruceiro Xubilar, porque foi feito no ano 1850, ou ano anterior o que queda corroborado coa mención "Santo Cristo Rey" que se distingue no mesmo e que claramente identifica os cruceiros xubilares destas épocas concretas. Non é aventurado supoñer que os traballos para a súa fábrica xa se iniciaran no 1850, precisamente por tratarse dun ano xubilar tal e como defende a tese de Estanislao Fernández de la Cigoña no seu mencionado libro.
Temos que ter en conta que para a Igrexa Católica, apostólica Romana, os anos Xubilares acontecen cada 25 anos, por tanto son anos xubilares os que rematan en 25, 50, 75 etc. o que tería a súa orixe nos anos sabáticos dos xudeus tal e como recollerían os primeiros libros do Antigo Testamento, concretamente no Levítico; "os homes dedicarían o sábado ó seu Deus e señor, así se descansaría un día de cada sete, o mesmo que se faría coa terra e os campos". Deste xeito, despois de sete veces sete, é dicir 49 anos, o seguinte consideraríase xubilar e o xubileo considerábase ano santo. Os anos xubilares en definitiva poñen de manifesto a devoción e a fe dos cristiáns, a dependencia dos homes co seu Deus, e que mellor xeito de honrar e venerar a Deus que enxalzar o seu misterio e paixón cos Cruceiros. No mesmo libro comentado, o investigador nos indica que no escudo sobre o fuste, pódese ler a seguinte inscrición, qu epor certo o escritor Manuel Reimondez Portela, transcribe como ilexible, no seu libro sobre os Cruceiros de Pontevedra, do ano 1985: D.RAMON LAMELA /CURA PARROCO DE STA COMBA/FAGO ESTA OBRA /ANO DE A851. Ase mesmo, no dado do pedestal, por diante hai inscrición na que se pode ler, moi erosionado e con bastante dificultade: SANTO CRISTO REY/ En outra cara do cubo: AÑO 1928. Cruceiro incluído en la obra "Os nosos cruceiros". Autor e ilustrador: José M. Laredo Verdejo. Boreal - Xuntanza Editorial, 1993. Vol. I, páxs. 258-259. Cruceiro incluído en la obra "Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra", de Manuel Reimondez Portela, Deputación Provincial de Pontevedra, 1985. Reiniciamos o noso roteiro e despois de unha pronunciada costa abaixo deixando os desvíos a Quintela e Garlin, Castro, Carral e Astrar, e tomando a pista que nos vai levar de regreso a estrada principal de Agolada a Vila de Cruces, no lugar de fiufre, na parroquia de Merlín, no que se queremos podemos adentarnos, logo de recorrer uns tres centos metros, para ver outro dos cruceiros do Concello.
Merlín (San Pedro).No lugar de Marcelín, a entrada da aldea atopamos este Cruceiro de Cruz no que podemos ler na súa base: BERNARDINO – NEGRO AÑO DE 1889. Polo que estamos ante un Cruceiro de devoción. Coordenadas (WGS84) aproximadas: 42°46'40.1"N 8°02'14.7"O (42.7778032,-8.0374028). Se trata de un Cruceiro cuxo baseamento é en grado dunha lousa granítica sobre a que se asenta unha plataforma en cubo de pedra de granito de bo tamaño da que sae o varal duns tres metros de altura de forma octogonal. O Capitel é cadrado no que podemos apreciar diversas capaz superpostas de menor a maior e sobre o mesmo se alza unha sinxela cruz dobre, superposta, á que fáltalle un anaco do brazo esquerdo. Finalmente xa de regreso a Agolada, facemos unha pequena paradiña, nun cruceiro particular, de Cruceiro do Monte. Curioso cruceiro de Cruz. No que a cruz destaca polo seu pequeno tamaño e forma. Cruceiro de Monte.
Se trata de un pequeno Cruceiro particular, se levanta sobre un penedo rochoso natural de moi bo tamaño no interior do xardín dunha vivenda particular. Coordenadas (WGS84): 42°46'29.7"N 8°02'02.3"O (42.774910, -8.033968). Cruceiro incluído en la obra "Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra", de Manuel Reimondez Portela, Deputación Provincial de Pontevedra, 1985. Pag 207. O Fuste é totalmente diferente a todos os cruceiros do Concello de Agolada, totalmente liso, maior pola base e sube estreitándose ata o extremo superior do que sae unha pequena cruz que recorda as de tipo das Cruces, “Armenia”, xa que carece de capitel ao uso habitual. curiosa fabrica. En total uns trinta quilómetros para facer sen presas en bicicleta, visitando as parroquias de Borraxeiros, Artoño, Baiña, Orrea, Santa Comba e Merlin.
0

Añadir un comentario

Cargando